Comunicado de Moveneda co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres.
Este 25 de Novembro, erguemos de novo nosa voz para denunciar unha das máis graves vulneracións dos dereitos humanos: a violencia machista.
Este día non é só de lembranza, senón de loita, de reivindicación e de compromiso colectivo para erradicar a violencia que sofre a metade da humanidade por razón do seu xénero.
É un día para tomar conciencia, de forma clara e rotunda, do profundo dano persoal e social que esta lacra provoca na vida de millóns de mulleres e nenas en todo o mundo.
A nosa indignación e solidariedade transcenden as nosas fronteiras. Non podemos pechar os ollos ante as violencias extremas que se exacerban nos conflitos armados. Neste momento, o noso recordo e a nosa denuncia van para as mulleres e nenas de Palestina, vítimas dun xenocidio e dunha violencia de xénero atroz que se utiliza como arma de guerra. A súa dor é a nosa dor, e a súa loita pola vida é tamén a nosa.
Dentro das nosas fronteiras, recae sobre as mulleres inmigrantes unha carga multiplicada de violencia e discriminación. As causas son a falla de políticas de integración reais dende un goberno que di "ser de esquerdas" e tamén do racismo, tanto social como institucional, alentado polos discursos de odio dun Partido Popular que xa asume abertamente as teses racistas da extrema dereita. Son dúas caras da mesma moeda reaccionaria. O duplo feito de ser mulleres e inmigrantes as convirte en dianas especialmente vulnerables. Rexeitamos calquera política que as marxine e as expoña á violencia.
A nivel municipal, en Neda, queremos sinalar unha forma de violencia silenciosa pero devastadora: a violencia estructural e institucional.
Denunciamos a situación insostible que viven as mulleres traballadoras do Servizo de Asistencia no Fogar (SAF). Un servizo esencial, infrafinanciado pola Xunta de Galicia e, por riba, subcontratado de xeito irresponsable polo Concello de Neda, cara empresas filibusteras que só buscan o lucro capitalista máis indecente, o que se amasa coa suor e a saúde das mulleres e do pobo. Estas traballadoras están mal pagadas, sen medios para desenvolver o seu labor con dignidade e sobrecargadas con funcións que exceden as súas competencias. O goberno que permite isto, agrede ás mulleres. Esta é unha violencia económica e social que non podemos permitir..
Por todo isto, este ano queremos poñer o foco na necesidade de combater a violencia institucional como paso esencial para acabar coa violencia machista.
Sabemos que esta violencia institucional é o eixo que sostén o carácter estrutural do machismo. Temos que sinalar e desenmascarar ós agresores que se agochan nas institucións e que logo teñen a desfachatez de colocarse para a foto sostendo a pancarta do feminismo.
A violencia machista permea cada ámbito da nosa vida e impide a conquista plena dos nosos dereitos. Non haberá xustiza se as propias institucións que deben protexernos fallan ás mulleres.
É imperioso e urxente reconstruír con unha perspectiva feminista toda a engrenaxe institucional da nosa sociedade. Só así poderemos eliminar as discriminacións e as violencias que sufrimos as mulleres do mundo.
Con esta tarefa por diante e coa organización veciñal e feminista como a nosa mellor ferramenta, seguimos en marcha.
Movemento Veciñal de Neda
Neda, 25 de novembro de 2025
feminismo e igualdade, concello de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |