Nos últimos días sairon novas preocupantes en varios concellos de Galicia: veciños que cumpriron coa súa responsabilidade cidadá de avisar da presenza de niños de vespa velutina a través dos servizos oficiais 012 ou 112, e están a recibir posteriormente facturas pola actuación dos bombeiros encargados da súa retirada.
Están afectados, polo menos, a unha ducia de veciños do Concello de Sober, que alertaron a través das canles indicadas pola administración e que, lonxe de recibir un servizo público garantido, acabaron sendo penalizados economicamente por face-lo correcto.
Dende MOVENEDA consideramos que esta situación é absolutamente inxusta e perigosa.
Inxusta porque traslada aos veciños un custo que non lles corresponde asumir, e perigosa porque pode provocar que, por medo a recibir unha factura, se deixen de comunicar a presenza de niñadas, incrementando así o risco para a seguridade pública e dificultando o control desta especie invasora.
Existe un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para a loita contra a avespa velutina. Este acordo establece mecanismos de coordinación e apoio aos concellos adheridos, co obxectivo de garantir unha resposta eficaz contra desta especie invasora, que supón unha ameaza para a biodiversidade, a apicultura e a seguridade das persoas. Resulta especialmente grave que se estean emitindo facturas a veciños en concellos que, en principio, deberían estar cubertos por este convenio.
CONVENIO XUNTA DE GALICIA - FEGAMP PARA O PROGRAMA GALEGO DA VESPA VELUTINA 2025
A loita contra a velutina é unha responsabilidade das administracións públicas e debe ser tratada como un servizo esencial de protección colectiva, non como unha carga económica individual.
Dende MOVENEDA imos solicitar información clara e transparente ao Concello de Neda para coñecer se está adherido a este convenio, e cal é o procedemento actual de actuación e se existe a posibilidade de que os veciños poidan verse afectados por este tipo de cobros.
MOVENEDA defende que ningún veciño ou veciña debe ser penalizado por contribuír á seguridade común. Avisar da presenza de velutinas é un acto de responsabilidade cívica que debe ser recoñecido e facilitado, nunca castigado.
ecoloxía e medio ambente, xunta de galicia
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |