Nas últimas semanas estase a gravar un conflito laboral no CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia), protagonizado por traballadores que foron trasladados de xeito forzoso dende Monforte de Lemos a Lugo.
Varias sentenzas xudiciais deronlles a razón, o que levou ao Sindicato Labrego Galego (SLG) a alzar a voz alertando sobre as consecuencias deste conflito non só para o persoal, senón para todo o sector ecolóxico galego.
Que é o CRAEGAO CRAEGA é o organismo público de Galicia encargado de certificar os produtos ecolóxicos. Podes visita-la web do CRAEGA eiquí
Está formado por representantes do sector agrario, comercialización, elaboración e a propia administración, e a súa misión inclúe auditar, xestionar o rexistro de operadores ecolóxicos e promover a produción ecolóxica. Ademais, ten acreditación ENAC para dar garantías sobre o control da produción ecolóxica.
O conflito xurdiu logo dunha decisión do CRAEGA de trasladar parte dos seus traballadores dende Monforte de Lemos a Lugo. Segundo varios medios, este traslado foi imposto por parte da dirección e afectou a varios empregados, que denunciaron que non se respectaron as súas condicións de traballo. Algúns traballadores levaron a entidade ós tribunais e gañaron: o traslado foi declarado improcedente polos xulgados do Social de Lugo. Segundo a sentenza, o CRAEGA modificou de modo substancial as condicións laborais (distancia, conciliación, etc.) sen unha causa xustificada legalmente (económica, técnica, organizativa...).
O SLG expresou a súa preocupación de forma pública e insistiu en que o conflito non é só unha cuestión interna do CRAEGA, senón un asunto de importancia estrutural para a agricultura ecolóxica galega. No seu comunicado, o sindicato afirma que o CRAEGA é un organismo fundamental para a promoción e certificación da produción ecolóxica, polo que a súa correcta xestión laboral repercute directamente no sector. O sindicato, reclama solucións inmediatas para garantir o benestar das persoas traballadoras e evitar que o conflito laboral se prolongue e se converta nun freo para a transición agroecolóxica. O SLG tamén pon de relevo que non se pode permitir que “conflitos de índole laboral e de xestión institucional poñan en risco” un sector estratéxico para Galicia.
Dende unha perspectiva de xustiza laboral, os traballadores están a defender non só os seus dereitos individuais, como a conciliación, a estabilidade no posto ou a non imposición de traslados arbitrarios, senón tamén unha visión máis ampla: garantir que o CRAEGA poida funcionar con normalidade e profesionalidade, algo esencial para que o sistema de certificación ecolóxica siga servindo ao sector agrario galego.
Se o conflito non se resolve, podería deteriorarse a calidade dos servizos do CRAEGA, afectar a credibilidade do selo ecolóxico galego e, a medio prazo, ralentizar o crecemento da agricultura ecolóxica en Galicia. Isto repercute non só nas persoas traballadoras, senón sobre os produtores ecolóxicos e, en última instancia, sobre o modelo agroalimentario galego.
ecoloxía e medio ambente, xunta de galicia, comunicados de prensa
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |