Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico.

A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos.

Ao usar esta páxina web, vostede acepta os Termos Legais de Uso, a Política de Privacidade e de Cookies tal e como se describen neses documentos.

O concello para a veciñanza!

Corte de auga en Casadelos e Xubia. Que obrigas ten a empresa concesionaria?

Visitas: 227

O goberno do concello avisaba hoxe martes ás 14:30 que mañá mércores 18, a empresa concesionaria do servizo municipal de augas VEOLIA (antes VIAQUA) vai interromper o subministro de auga na zona de Xuvia por traballos de mellora na rede.

Tras dez anos reclamando o contrato de concesión do servizo de auga, por fin o temos nas máns e así, dende MOVENEDA, podemos analizalo e trasladar ós veciños información de interese. Unha das cousas que revisamos é cando a concesionaria pode cortar a auga, e sobre todo, como e cando está obrigada a avisarnos.

QUE DI O CONTRATO EXACTAMENTE?

O Artigo 11º do Prego de Condicións Económico-Administrativas, que forma parte do contrato asinado en 1993 entre o Concello de Neda e AQUAGEST (logo VIAQUA, agora VEOLIA), regula o servizo e establece que a concesionaria pode interromper o subministro en tres casos:

  1. Por obras de reforzo ou extensión da rede e instalación de acometidas.
  2. Por paros de urxencia para reparar avarías que non admitan demora.
  3. Por imposibilidade de obter auga suficiente.

O Prego tamén recolle que a Concesionaria está obrigada de avisar ós veciños afectados nos seguintes casos:

  1. Cando haxa unha interrupción por obras programadas na rede.
  2. Cando un corte de urxencia se prolongue previsiblemente máis de cinco horas.

O aviso non pode ser calquera xeito: o contrato establece expresamente que debe facerse mediante anuncios na prensa e na emisora local de radio, ou por calquera outro medio que resulte útil e práctico.

Isto significa que cada vez que VEOLIA corta a auga para facer obras ou reparacións importantes, ten obriga contractual de publicalo nos medios. Non é unha práctica voluntaria: é unha obriga asinada co Concello de Neda. 

QUE VAI FACER MOVENEDA?

Dende MOVENEDA pensamos que avisar o día anterior dun traballo programado non é suficiente. Pensamos tamén que o contrato é claro que o concello debe vixiar o seu cumprimento e cerciorarse se VEOLIA publica anuncios nos xornais, na radio e outros medios que se consideren oportunos.

Entendemos que é fundamental que o goberno municipal exerza o seu papel de control. O contrato contempla expresamente a creación dunha Comisión de Seguimento e Control do Servizo (Artigo 2º), presidida polo Alcalde ou Concelleiro de Augas, precisamente para fiscalizar a xestión da concesionaria.

Por iso, MOVENEDA vai dirixirse ao goberno do Concello de Neda para preguntar:

  • Se se vixía que VEOLIA cumpre a súa obriga de avisar aos veciños nos cortes de auga.
  • Se a Comisión de Seguimento e Control do Servizo está constituída e funciona con regularidade.
  • Que medidas se toman cando a concesionaria non cumpre as obrigacións contractuais.

Os veciños de Neda levamos décadas pagando polo servizo de auga a unha empresa privada que se lucra deste contrato. Toca asegurarnos de que se cumpre o pactado.

MOVENEDA seguirá analizando o contrato e informando sobre os dereitos dos veciños e as obrigacións da concesionaria.


Etiquetas:

comunicados de prensa, servizos municipais


Enlaces e artículos relacionados:


outras publicacións relacionadas

Moveneda

Movemento Veciñal de Neda - Moveneda
Moveneda é unha iniciativa política municipalista, popular, de base, de veciños comúns, aberta, participativa e asamblearia. O noso obxetivo e informar, concienciar e fomenta-la participación política de todos os veciños nas decisións do concello. Somos veciños comúns de Neda que presentamos unha alternativa “a medida para Neda”, cunha mirada realista e comprometida, pensada para afrontar e solucionar os problemas e para potenciar as vantaxes do municipio. Pensamos que en un concello como Neda pode funcionar millor un modelo onde prime a colaboración do Goberno do Concello, as Asociacions de Veciños e os propios veciños. Esta é a millor garantía dun proxecto autónomo, colectivo, á medida de Neda e as necesidades que temos como veciños.

Contacto

Termos de uso, privacidade e cookies
Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico. A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos. Ao usar esta páxina web, vostede acepta as Condicións de Uso, o Aviso legal de uso e a Política de Privacidade e cookies tal e como se describen neses documentos.