
Movemento Veciñal de Neda - MOVENEDA súmase ós actos, conmemoracións e mobilizacións deste 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Nesta data lembramos a todas as mulleres que nos precederon na loita pola igualdade laboral, económica, política e social, e reafirmamos o noso compromiso coa conquista dunha igualdade plena e real.
Os dereitos que conquistamos as mulleres nunca foron agasallos: son resultado de décadas de organización, mobilización e loita colectiva, moita loita, moi dura. Sabemos que os avances nunca están definitivamente garantidos, que deben ser defendidos día a día. O camiño cara unha sociedade xusta e igualitaria, aínda ten un longo percorrido.
No plano internacional observamos retrocesos nos dereitos das mulleres en numerosos países, provocado en gran medida polas guerras e os conflitos armados que sacoden o mundo.
Queremos denunciar a situación en Oriente Próximo, especialmente a agresión sionista contra Gaza, Líbano e Irán. Os bombardeos levados a cabo por Israel e os Estados Unidos están a provocar unha devastación brutal entre a poboación civil. Entre as vítimas cóntanse milleiros de mulleres e menores, e feitos especialmente terribles como o asasinato de case duascentas nenas nunha escola iraní, un crime de guerra.
As guerras sempre golpean con especial dureza ás mulleres, que sofren desprazamentos forzados, pobreza, violencias de todo tipo e a perda das condicións mínimas para unha vida digna. A loita pola paz, pola xustiza e polos dereitos humanos é unha loita feminista.
En España asistimos ó preocupante avance do fascismo e as alianzas da dereita tradicional, herdeira do franquismo, coas forzas da ultradereita máis reaccionaria.
Así estamos a ver campañas de acoso e intimidación contra deputadas, xornalistas e activistas feministas e de esquerda. Estes ataques, por escuadristas fascistas que en ocasións se presentan disfrazados de xornalistas, pretenden silenciar voces críticas e intimidar as que defendemos os dereitos sociais e a igualdade.
Ó mesmo tempo, alá onde gobernan, as dereitas impulsan políticas que atacan a protección social pública, debilitando servizos fundamentais e empurrando a moitas mulleres cara situacións de maior precariedade. Os recortes, as privatizacións e as estratexias políticas de deterioro dos servizos públicos afectan especialmente ás mulleres, que seguimos asumindo maioritariamente os coidados e padecemos condicións laborais máis inestables.
Denunciamos o grave retroceso que supoñen situacións como o caso das mamografías en Andalucía e as eivas crecentes na Sanidade Pública en rexións como Galicia. Decisións baseadas en criterios económicos e na vontade de favorecer negocios privados, que poñen en risco programas fundamentais de prevención e atención sanitaria, atacando directamente o dereito á saúde das mulleres.
A SITUACIÓN NO NOSO CONCELLO DE NEDANo ámbito local tamén existen realidades que non poden ser ignoradas. No noso concello de Neda vivimos unha situación especialmente grave no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo privatizado que condea ás traballadoras a condición laborais precarias.
Mentres estes días veremos ao goberno local moi “implicado” co feminismo e co 8M, o resto do ano a realidade é ben distinta: amosan un absoluto desprezo polas condicións laborais das traballadoras dos servizos que privatizan.
O PSOE de Neda aposta por modelos privatizados porque son incapaces de xestionar os servizos públicos e prefiren garantir inxentes beneficios ás empresas concesionarias mentres empobrece ás traballadoras e prexudica ás persoas usuarias dos servizos.
En MOVENEDA reafirmamos o compromiso coa loita pola igualdade plena das mulleres. Todos os días, non só nas datas sinaladas liturxicamente. A erradicación da desigualdade é unha tarefa histórica que require coherencia e un compromiso real e diario.
Non chega con colocarse detrás dunha pancarta durante uns minutos nas datas sinaladas. A igualdade demóstrase no día a día: no comportamento público e tamén no privado, no traballo e na casa, na familia e na sociedade. Os falsos discursos, os postureos e as dobres caras acabarán sendo desenmascarados.
As veciñas e veciños que formamos MOVENEDA declaramos o noso firme compromiso con:
Temos o convencimento pleno de que a igualdade que promove o feminismo é o único camiño para construír unha sociedade máis xusta, próspera e sostible.
Aproveitamos a vosa atención, para chamar á veciñanza a participar nas mobilizacións e actividades convocadas neste 8 de marzo.
feminismo e igualdade, loita obreita, comunicados de prensa, concello de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |