O pasado 13 de marzo, a nosa concelleira Neiva Tristão rexistrou oficialmente unha pregunta ao goberno municipal: ¿xa contratou o Concello os desbroces deste ano?
Unha pregunta sinxela, de resposta rapida: Si ou Non. Unha información que calquera goberno responsable debería poder contestar en cuestión de días.
A lei é clara: un concello ten cinco días para responder. Pasaron case dous meses e o silencio segue sendo a única resposta do goberno de Ángel Alvariño. Xa abonda de saltarse a lei.
Non é a primeira vez. Ano tras ano, os veciños e veciñas de Neda padecen os mesmos problemas co mantemento de camiños e marxes: os desbroces chegan tarde, fanse mal e sempre hai unha excusa preparada. Que "as empresas teñen moito traballo", ou a xa famosa e moi gastada "é culpa dos técnicos". O problema real é que este goberno non traballa, é incapaz de contratar con antelación suficiente, e cando intenta facelo xa non atopa empresas dispoñibles.
Preguntamos en marzo precisamente para evitar que se repita esa situación. Para que houbera tempo de corrixir o rumbo se fose necesario. A negativa a responder nos fai sospeitar que, unha vez máis, vai chegarse tarde.
Ante o incumprimento reiterado da obriga legal de responder ás concelleiras da oposición, MOVENEDA traslada a pregunta ao Pleno Ordinario do luns 26 de maio:
- ¿Xa ten este goberno contratados os desbroces deste ano?
Queremos a resposta en público, diante de toda a veciñanza. Porque a oposición non pregunta por curiosidade nin para molestar: é o noso traballo vixiar que o goberno cumpre as súas responsabilidades. Sen información, non podemos facer ese traballo. E sen ese traballo, a democracia local non funciona.
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |