A Garda Civil detivo este domingo a un home e unha muller como presuntos autores dunha cadea de roubos con forza cometidos en varias gasolineiras da comarca de Ferrolterra.
A intervención produciuse cando os axentes sorprendéronos na estación de servizo de O Puntal, en Neda, mentres supostamente intentaban perpetrar un novo roubo.
A investigación comezou tras rexistrarse diferentes actuacións similares nun curto espazo de tempo. Media hora antes da súa detención, unha gasolineira da zona de A Mourela, tamén en Neda, sufrira outro roubo con características coincidentes, e pouco despois outras estacións de servizo de Narón denunciaron feitos parecidos. Os investigadores relacionaron rapidamente estes incidentes co comportamento dos dous sospeitosos.
No vehículo que empregaban foron localizadas ferramentas como linternas e útiles de forzado, así como diñeiro en metálico fraccionado e outros efectos dos que non puideron acreditar a súa procedencia. Todo isto reforzou os indicios da súa presunta implicación. Fontes da Garda Civil sinalan que, polo menos, se lles atribúen catro delitos de roubo con forza, sen descartarse que puidesen participar noutros feitos recentes ocorridos na contorna.
A actuación desenvolvida por unidades da Garda Civil de Fene e As Pontes permitiu deter ambos sospeitosos de maneira inmediata e poñelos a disposición xudicial. A investigación continúa aberta para determinar se existen máis establecementos afectados ou se hai outras persoas implicadas.
moveneda, ferrolterra, concello de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |