Seguimos coa serie de artigos Elementos para o debate. Hai unha semana falamos do caso da remunicipalización da auga no Concello de Teo. Hoxe imos falar do caso de Arteixo. Un caso con moitas peculiaridades e que coidamos aporta novos puntos de vista ó necesario debate sobre a remunicipalización de servizos básicos. Un caso curioso por tratarse dun concello gobernado polo Partido Popular.
No Concello de Arteixo, tradicionalmente gobernado polo Partido Popular, con Carlos Calvelo de alcalde, desenvolveuse na última década un proceso de remunicipalización do servizo de auga, do saneamento (e mesmo a recadacions de tributos). A continuación explícase en que consistiu, cales foron as razóns, as vantaxes e os retos destes cambios, así como as dificultades que xurdiron.
En 2021 o goberno local de Arteixo acorda crear unha empresa pública municipal que xestione o abastecemento e saneamento de auga do municipio, debido ás “novas circunstancias” demográficas e urbanísticas: o crecemento da poboación, a previsión de apertura do polígono industrial de Morás, a maior actividade do Porto Exterior, e a necesidade dunha nova potabilizadora no encoro de Sabón.
A empresa adoptou o nome de Servizos Urbanos Municipais de Arteixo (SUMARTE), constituída con 100 % de capital público, e cun consello de administración con representación de todos os grupos políticos do pleno municipal.
O pleno aprobou a creación en outubro de 2021, e se fixou como data de asunción do servizo por parte de SUMARTE o 1 de abril de 2022. Nesta data a xestión pública pasou a ser a modalidade oficial, substituíndo a estrutura anterior, na que empregados públicos municipais e contratos externos atendían o abastecemento e saneamento.
Por qué remunicipalizaron, aínda sendo un concello gobernado polo PP?A decisión de remunicipalizar, a pesar de non encaixar co estereotipo habitual (dado que moitas remunicipalizacións impúlsanse dende gobernos de esquerdas), responde a unha lóxica pragmática e estratéxica por parte do goberno de Arteixo:
O municipio experimentou un crecemento notable da poboación e da actividade económica. Dende 2000 ata 2021 a poboación pasou de 22.153 a uns 32.894 habitantes. Dita transformación require un modelo de xestión do servizo de auga adaptado a novas dimensións, moito máis propio de núcleos urbanos ou pequenas cidades.
A actividade industrial e urbanística crecente, coa posta en marcha do polígono de Morás, a proximidade do Porto Exterior e a demanda futura de consumo, expoñen retos para a capacidade de abastecemento e saneamento do concello.
A construción da nova potabilizadora no encoro de Sabón, proxecto cun investimento de 2,7 millóns de euros, presenta desafíos técnicos e de coordinación que, segundo o concello, xustifican unha estrutura específica e pública.
A aposta tamén parece buscar un modelo de xestión máis eficiente, transparente e planificado no medio/longo prazo, fronte a alternativas centradas no beneficio ou a inmediatez.
En resumo: o goberno do Partido Popular en Arteixo non optou pola remunicipalización por unha cuestión ideolóxica, senón por necesidades reais de xestión, planificación e garantía de abastecemento.
A remunicipalización e a creación de SUMARTE veñen vencelladas a diversas vantaxes:
Planificación a longo prazo: ao depender do concello, pódese planear o abastecemento e saneamento nun escenario de crecemento demográfico e industrial, adaptándose ás necesidades dos próximos 20-25 anos.
Infraestruturas mellor adaptadas: a nova potabilizadora no encoro de Sabón mellora a calidade e capacidade do subministro de auga potable.
Xestión pública, con control democrático e pluralidade: o consello de administración inclúe representación de todos os grupos municipais, o que permite maior transparencia e rendición de contas.
Capacidade de modernización e investimentos futuros: de feito, en 2024 a empresa SUMARTE conseguiu fondos europeos (do programa Next Generation) por 1.288.570 € para “dixitalizar e modernizar” o ciclo da auga en Arteixo, coa intención de millorar a eficiencia, reducir perdas por fugas, optimizar bombeos, controlar millor a calidade, adaptando a rede a normativas máis esixentes.
Menor dependencia de empresas privadas: evita contratos con empresas externas e concesións, o que pode reducir custes a medio prazo e permitir reinvestir beneficios no servizo.
Dificultades, críticas e obstáculos no camiñoO proceso non estivo exento de obstáculos e polémicas:
En xaneiro de 2022 unha agrupación de empresas privadas de servizos públicos, Cámara de Concesionarias, Infraestructuras e Equipamentos de Servicios Públicos (na que están empresas como Abertis ou Suez) recorreu a creación de SUMARTE ante os tribunais, defendendo a xestión privada dos servizos públicos.
O proceso precisou a modificación de estatutos, a transferencia de persoal municipal, e trámites administrativos complexos, o que atrasou un pouco a entrada en funcionamento real da nova empresa. A integración de servizos e adaptación da estrutura ao novo modelo supón un esforzo organizativo importante para o concello, sobre todo tendo en conta que Arteixo, á súa vez, está crecendo fortemente.
A oposición veu con recelo a municipalización, o que demostra a presión de intereses empresariais no ámbito dos servizos públicos: a remunicipalización non sempre é un proceso neutro senón un conflito entre diferentes modelos de xestión pero tamén de intereses políticos e economicos, moitos deles ocultos e inconfesables.
Un punto crucial deste proceso foi a resolución xudicial que ratificou a legalidade da creación de SUMARTE:
En xullo de 2023 o Juzgado Contencioso‑Administrativo número 1 de A Coruña desestimou o recurso presentado pola Cámara de Concesionarias contra o acordo plenario do concello. A decisión foi firme, dado que a asociación empresarial non recurríu a instancias superiores. Con iso, consolidouse juridicamente o modelo de xestión público en Arteixo. A noticia foi recollida como un “paso definitivo”: o “lobby” perde o recurso e a creación de SUMARTE queda avalada legalmente.
Ese recoñecemento xudicial disipa dúbidas e ofrece seguridade xerala: o cambio non foi arbitrario ou simbólico, senón legal e estable.
A remunicipalización do servizo de auga en Arteixo pode considerarse un caso paradigmático de como un concello gobernado polo PP pode liberarse das estreiteces maentais propias da dereita neoliberal e optar por un modelo público de xestión cando as circunstancias (crecemento demográfico, industrialización, previsión de urbanización, desafíos ambientais) o requiren.
SUMARTE representa unha aposta por un servizo moderno, planificado, con control político e transparencia, con visión de futuro e autonomía municipal. A súa consolidación xudicial dá seguridade e serve de referencia para outros municipios.
Porén, o proceso tivo dificultades, opoñentes, trámites longos e a necesidade de investir en infraestruturas e adaptación técnica. O éxito dependerá de que o servizo cumpra obxectivos de eficiencia, calidade e sustentabilidade a medio-longo prazo, e de que a participación cidadá e o control democrático sexan reais.
Do mesmo xeito que acontece co caso de Teo, Arteixo ofrece outro modelo de transición factible cara a xestión pública da auga, con vantaxes evidentes para o concello e a cidadanía pero tamén con desafíos que hai que asumir con claridade e realismo.
Para a MOVENEDA o caso de Arteixo é importante para combater "contra-argumentacións" sinalando que se trata dunha “medida ideolóxica”. Que ata un partido ultraliberal e capitalista como o PP, aposte por unha decisión pragmática e a favor do servizo público, adaptada ás necesidades reais da veciñanza, é un sinal ó que debemos prestar atención.
Os casos de Teo e Arteixo lévanos en MOVENEDA a propoñer o estudo da remunicipalización do servizo de auga e saneamento no noso concello. Pensamos que pode ser beneficioso para os veciños de Neda.
moveneda, comunicados de prensa, goberno de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |