A exposición "Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no s.XX" chega a Neda, no Centro Cívico Ramón Millarengo.
A exposición amosa a valiosa selección fotográfica da Axencia EFE que nos leva a esa realidade histórica da emigración, galega e española, a través dunha síntese de corenta imaxes sacadas coa mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época.
Unha antoloxía de imaxes dos arquivos da Axencia EFE, que posúe un dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española. Son retratos próximos que narran as circunstancias vitais da xeración das nosas nais e pais e tamén de avós e avoas que abandonaron a súa terra na busca dun futuro mellor.
«A esencia dun fotógrafo é estar no lugar onde se produce a nova. Un dos grandes da fotografía xornalística, Robert Capa, que foi corresponsal de guerra en moitas frontes e acabou morrendo ao pisar unha mina en Indochina, dicía que cando a foto non é boa é porque o fotógrafo non estaba abondo preto. A exposición preséntanos, en branco e negro, unha síntese das nosas emigracións plasmada por fotoxornalistas de EFE. É a historia de miles de persoas que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir. Son os anos cincuenta, sesenta, décadas de fame, de subdesenvolvemento, de falta de liberdade, mais tamén de construción, de aforrar a peseta para un soñado retorno».
Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE de 1996 a 2004.
Esta exposición forma parte do proxecto CORRENTE CULTURAL, unha aposta de ABANCA e Afundación para promover a cultura por toda Galicia, polos diferentes concellos e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.
Onde: Centro Cívico Ramón Millarengo de Neda
Cando: 27 NOVEMBRO A 5 XANEIRO 2026
Horario: De luns a venres de 10.00 a 12.00 h e de 16.00 a 20.00 h
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |