Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico.

A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos.

Ao usar esta páxina web, vostede acepta os Termos Legais de Uso, a Política de Privacidade e de Cookies tal e como se describen neses documentos.

O concello para a veciñanza!

MOVENEDA propón crear novas áreas de rehabilitación. Alvariño carece de iniciativa e opta polo NON

Visitas: 35

MOVENEDA leva moito tempo propoñendo a creación de novas áreas de rehabilitación no noso concello, aparte da que xa existe na zona da rúa Real. Lamentablemente, a única razón para que isto non se leve adiante é a terca negativa do alcalde

As Áreas de Rehabilitación Integral son instrumentos promovidos pola Xunta de Galicia que permiten captar fondos públicos para rehabilitar vivendas e recuperar zonas urbanas degradadas, contribuíndo así á mellora do patrimonio construído, á recuperación de inmobles en desuso e atraer nova poboación.

Mentres concellos da comarca, como Cedeira, están a traballar activamente para ampliar e crear novas áreas de rehabilitación en zonas do municipio, en Neda a realidade é ben distinta.

O ESPIRITU CONSTRUCTIVO CHOCA CONTRA A PAREDE DO NON

No pleno municipal celebrado o pasado luns 25 de maio, a concelleira de Moveneda, Neiva Tristão, preguntou ao goberno municipal se pensa impulsar novas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) no municipio. A resposta do alcalde, como sempre, sorprendente.

Dende MOVENEDA formulamos esta pregunta cunha intención construtiva. As preguntas da oposición non poden entenderse como un ataque persoal nin como un intento de incomodar ao goberno. Pola contra, son unha ferramenta para coñecer a situación do municipio, abrir debates necesarios e buscar puntos de encontro que permitan mellorar Neda. Por desgraza, a resposta do alcalde foi tan decepcionante como reveladora.

A pregunta era moi simple: "Pensa o Goberno de Neda impulsar novas áreas de rehabilitación integral?"

A resposta, resumida en poucas palabras, foi NON, que non están a facer absolutamente nada.

O PROBLEMA É QUE O ALCALDE NON QUERE

Antes de formular a pregunta, dende MOVENEDA interesámonos polo procedemento técnico necesario para solicitar novas ARI.

Segundo a información que nos trasladaron os servizos técnicos municipais, non existe ningún impedimento técnico para promover novas áreas. O procedemento consiste na elaboración da documentación correspondente que se remite á Xunta de Galicia para a súa valoración e aprobación. Por tanto, o problema non é técnico nin administrativo. O problema é exclusivamente político.

O alcalde tentou xustificar a súa inacción argumentando que a "veciñanza non está interesada" nestas axudas porque posteriormente deben cumprir determinadas obrigas fiscais e administrativas.

Unha vez máis, atopámonos ante unha resposta impropia dun gobernante que debería traballar para ampliar oportunidades e non para limitalas.

O ALCALDE XA DECIDEU QUE NON LLE INTERESA A NINGUEN

Non corresponde ao alcalde decidir de maneira preventiva o que poden ou non poden facer os veciños cos seus propios recursos. A obriga do Concello é poñer as ferramentas á disposición da cidadanía e facilitar o acceso ás axudas existentes. Despois serán os propietarios quen decidan libremente se lles interesa solicitalas ou non.

O que non pode facer un alcalde é utilizar as súas opinións persoais como escusa para non traballar e para renunciar e recortar as oportunidades que poden beneficiar ao conxunto dos veciños e o municipio.

Neda leva anos perdendo poboación, perdendo actividade e vendo como numerosos inmobles permanecen baleiros e deteriorados. Existen centos de vivendas que poderían ser rehabilitadas, recuperadas e incorporadas ao mercado da vivenda, contribuíndo a dinamizar o municipio e a atraer novos residentes.

NEDA, LASTRADA POLA RESIGNACION E FALLA DE INICIATIVA DOS QUE GOBERNAN

Mentres outros concellos avanzan e buscan solucións, o goberno de Ángel Alvariño está encallado na resignación, na falta de iniciativa e na ausencia total de proxecto para o futuro de Neda.

Desde MOVENEDA cremos que os veciños de Neda merecemos un goberno con ambición, con ideas e con capacidade para aproveitar todas as oportunidades que ofrecen outras administracións. Porque mentres outros municipios avanzan, Neda segue estancada. E o máis preocupante é que esta situación non parece consecuencia da falta de recursos, senón da falla absoluta de vontade dunha persoa, por culpa dun goberno esgotado.

Neda non pode permitirse seguir perdendo oportunidades. En Neda merecemos máis.


Etiquetas:

moveneda, vivenda, xunta de galicia, comunicados de prensa, goberno de Neda, plenos


outras publicacións relacionadas

Moveneda

Movemento Veciñal de Neda - Moveneda
Moveneda é unha iniciativa política municipalista, popular, de base, de veciños comúns, aberta, participativa e asamblearia. O noso obxetivo e informar, concienciar e fomenta-la participación política de todos os veciños nas decisións do concello. Somos veciños comúns de Neda que presentamos unha alternativa “a medida para Neda”, cunha mirada realista e comprometida, pensada para afrontar e solucionar os problemas e para potenciar as vantaxes do municipio. Pensamos que en un concello como Neda pode funcionar millor un modelo onde prime a colaboración do Goberno do Concello, as Asociacions de Veciños e os propios veciños. Esta é a millor garantía dun proxecto autónomo, colectivo, á medida de Neda e as necesidades que temos como veciños.

Contacto

Termos de uso, privacidade e cookies
Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico. A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos. Ao usar esta páxina web, vostede acepta as Condicións de Uso, o Aviso legal de uso e a Política de Privacidade e cookies tal e como se describen neses documentos.