O pasado 13 de marzo, a nosa concelleira Neiva Tristão rexistrou dúas comunicacións oficiais. A día de hoxe, case un mes despois, o goberno municipal non respondeu a ningunha destas comunicacións.
Na primeira solicitábase a convocatoria urxente da Xunta de Seguridade Local ante a vaga de roubos e entradas en propiedades en distintas zonas do concello. Na segunda, preguntabamos pola contratación dos traballos de desbroce, unha cuestión clave que, como xa aconteceu en anos anteriores, adoita demorarse ata provocar que o concello quede sen empresas dispoñibles e os camiños permanezan sen limpar durante meses.
A normativa establece que as comunicacións presentadas por veciños deben ser contestadas nun prazo máximo de 30 días. No caso das concelleiras e concelleiros, o prazo redúcese a só 5 días.
Non estamos ante un incumprimento puntual de prazos: é unha forma de actuar reiterada e consciente. Este goberno leva anos sen responder ás solicitudes que se presentan por rexistro, tanto por parte da veciñanza como, de maneira especialmente grave, por parte da oposición.
Desde MOVENEDA levamos tempo denunciando esta situación: hai solicitudes que tardaron anos en ser atendidas, como ocorreu co contrato de privatización do servizo de auga, que non foi facilitado ata dez anos despois e tras varios avisos da Valedora do Pobo.
Nun sistema democrático, a oposición debe fiscalizar e controlar a acción do goberno. Para iso, é imprescindible acceder á información e ter respostas ás solicitudes. Cando un goberno ignora sistematicamente á oposición, non só incumpre a lei: debilita os mecanismos de control e, polo tanto, a calidade democrática do concello.
Neda non é o cortijo de Alvariño. Dende MOVENEDA esiximos ao goberno municipal que cumpra coa súa obriga legal de responder ás comunicacións rexistradas e que respecte o papel da oposición como garante da transparencia e do control democrático.
moveneda, goberno de Neda, Valedora do Pobo
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |