Movemento Veciñal Neda – Moveneda, é unha organización social e veciñal comprometida cos valores democráticos, a xustiza social e a defensa dos dereitos humanos. é por isto que facemos público o noso abandono definitivo da plataforma Twitter/X como canle de comunicación.
Nos últimos anos, a plataforma Twitter/X converteuse nun altofalante que amplifica e lexitima discursos fascistas, racistas, homofóbos, machistas e abertamente violentos. A dirección da empresa, lonxe de porler freo a esta deriva, promove activamente un modelo de rede social onde o odio, a desinformación e a ultradereita teñen visibilidade e impunidade.
MOVENEDA non pode permanecer nun espazo que normaliza a crueldade como espectáculo e que converte a agresión en contido viral.
As actitudes do seu propietario, Elon Musk, son a expresión máis clara desta degradación. Musk non só permite e alenta este clima, senón que apoia sen disimulo un réxime tan reaccionario, agresivo e terrorista como o que representa a administración Trump nos Estados Unidos. O respaldo ás políticas racistas, bélicas e autoritarias dese goberno non é un feito illado: forma parte dun proxecto político reaccionario que pon en cuestión os dereitos máis básicos do Ser Humano e que ameaza a todos os pobos do mundo e a convivencia global.
Fronte a isto, MOVENEDA reafirma o seu compromiso cunha comunicación ética, transparente e ao servizo das maioría social. Por iso, a partir de hoxe, toda a nosa activididade informativa e organizativa centrarase noutras canles: a nosa web moveneda.org, Bluesky, listas de correo, publicacións en papel, redes alternativas libres de violencias e, sobre todo, no contacto directo e de confianza coas veciñas e veciños de Neda.
Facemos un chamamento sincero a todas as persoas e colectivos que aínda manteñen conta activa en Twitter/X a que valoren seriamente abandonala. Cada presenza que queda nesa plataforma é un aval silencioso ás violencias que nela se reproducen.
De xeito especial, instamos ao Concello de Neda a pechar ou, cando menos, baleirar de contido a súa conta institucional en Twitter/X. Unha administración pública que di defender a igualdade, a diversidade e a paz non debe permanecer nun espazo dirixido por quen financia e aplaude políticas de odio, por quen defende o fascismo. Manter viva esa conta é, hoxe, un acto incompatíbel cos valores que deberían guiar a acción municipal.
Seguiremos traballando cada día, dende a base, dende o movemento veciñal, por un Concello de Neda máis xusto, máis solidario, máis libre onde non se levanten muros de odio.
memoria histórica, loita obreita, comunicados de prensa
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |