Dende MOVENEDA queremos expresar a nosa satisfacción ao comprobar que, despois de máis dun ano de avisos, denuncias públicas e advertencias reiteradas por parte da veciñanza e do noso colectivo, o Concello de Neda parece ter descuberto por fin que na Volta do Poulo hai un problema serio.
A prensa recolle hoxe unha nota do servizo de propaganda do concello, no que anuncian que o goberno municipal vén de solicitar á Xunta unha intervención urxente para estabilizar o vial ante o evidentisímo afundimento da calzada e o deterioro da beirarrúa.
Debemos dicir que esta reacción chega tarde e mal. Tarde, porque o deterioro é evidente desde hai moito tempo; e mal, porque foi necesaria a presión veciñal e a evidencia incontestable da realidade para que o goberno municipal se decidira actuar.
É incrible que a este goberno municipal lle leve un ano facer unha consulta ó Catastro e mandar unha comunicación á Axencia Galega de Infraestructuras. Que estiveron a fecer durante este ano??
Pero como di o refrán, máis vale tarde que nunca… sempre que non sexa demasiado tarde.
Xa que o alcalde Ángel Alvariño e o seu equipo parecen ter recuperado as gañas de traballar e descubrir os problemas do concello, animámolos a continuar e perseverar nesta nova etapa de actividade. Por exemplo, poderían tamén poñerlle algo de esforzo no asunto do paso de peóns do Poulo, que acumula xa catro anos de retraso e segue a ser unha promesa incumprida, mentres a veciñanza continúa asumindo riscos innecesarios.
Dende MOVENEDA seguiremos na liña do que levamos facendo todo este tempo: estar ao lado da veciñanza, denunciar os problemas reais e lembrar ao goberno municipal que Neda non remata na porta da casa do Concello e que gobernar non se resume só en montar entroidadas e comelladas.
moveneda, xunta de galicia, comunicados de prensa, concello de Neda, goberno de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |