MOVENEDA denunciou no pleno municipal do pasado luns 25 de maio o estado de abandono da área recreativa da Cobeluda e preguntou ao alcalde se este será o terceiro ano consecutivo no que os veciños e veciñas de Neda non poidan gozar deste espazo emblemático.
A concelleira Neiva Tristão presentou por rexistro unhas preguntas sobre a Cobeluda hai máis de dous meses. O goberno municipal non a respondeu, incumprindo unha vez máis o prazo legal de cinco días ós que lle obriga a lei para contestar ás preguntas escritas dos concelleiros. Nin foi o primeiro caso, nin lamentablemente agardamos que sexa o último.
No pleno, o alcalde evitou responder con claridade sobre se vai licitar ou non o chiringuito e limitouse a afirmar que "non hai hostaleiros interesados".
Dende MOVENEDA consideramos que esta afirmación é falsa por completo: como se pode saber se hai ou non hostaleiros interesados se o Concello leva tres anos sen ofertar?
Pero o peor chegou despois e onde a situación pasa de grave a inadmisible: o alcalde afirmou no pleno que o Concello "xa estaba acondicionando" a zona.

A mesma tarde do luns, membros de MOVENEDA desprazámonos ata a Cobeluda para ver cos nosos propios ollos o estado real das instalacións. As máis de vinte fotografías tomadas esa mesma tarde demostran a realidade.
O que atopamos foi un espazo con herba alta, suciedade acumulada, moitos elementos deteriorados e numerosas reparacións pendentes tras os temporais do inverno. Unhas reparacións que MOVENEDA reclamaou ao concelleiro Ángel García Cordero en repetidas ocasións sen obter resposta. É evidente que non fixo absolutemente nada.
A Cobeluda é espazo público en estado calamitoso, abandonado, que non está en condicións mínimas de seguridade e presentación para recibir á veciñanza e visitantes no verán e que non pode resultar atractivo para ningún hosteleiro.
"Non sei que é máis grave, o abandono da Cobeluda ou que o alcalde me minta descaradamente no pleno municipal e lle minta tamén a todos os veciños e veciñas de Neda", sinala a concelleira Neiva Tristão.
En Neda non merecemos un alcalde que non responde á oposición e que falta constantemente á verdade para tapar a súa absoluta incapacidade de xestión.
moveneda, ecoloxía e medio ambente, comunicados de prensa, servizos municipais
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |