Dende MOVENEDA queremos expresar a nosa máis firme condena á absoluta pasividade e neglixencia do goberno de Neda ante a grave situación que están a sufrir as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xestionado pola empresa concesionaria OS VENTOS.
As informacións publicadas recentemente en distintos medios de comunicación confirman o que MOVENEDA leva xa moitos meses denunciando: un contexto de explotación laboral, baixos salarios, precariedade, ritmos de traballo inhumanos, vulneración sistemática de dereitos e mesmo situacións de acoso e represalias contra as traballadoras e delegadas sindicais.
Resulta inaceptable que, coñecendo esta realidade e fachendando de "ser un partido de esquerda", o goberno municipal do PSOE continúe a mirar cara outro lado, sen adoptar medidas contundentes para poñer fin a estes abusos.
A responsabilidade é da empresa e tamén do Goberno do Concello, que foi quen decidiu externalizar o servizo e entregalo a unha empresa filibustera que agora está a ser sinalada pola súa xestión profundamente lesiva para as traballadoras e para a calidade do propio servizo.
Dende MOVENEDA levamos tempo advertindo que o modelo de xestión privatizada só beneficia a empresas que priorizan o beneficio económico por riba do benestar das persoas usuarias e das condicións laborais das traballadoras. O que está a acontecer co SAF en Neda é un exemplo claro das consecuencias deste modelo: precariedade, explotación e deterioro do servizo público.
Mentres o goberno e outras forzas calan, MOVENEDA reitera con firmeza que existe unha alternativa viable e necesaria: a remunicipalización do Servizo de Axuda no Fogar. MOVENEDA defende a creación dunha empresa municipal que xestione directamente o SAF, garantindo condicións laborais dignas, estabilidade para as traballadoras e un servizo de calidade centrado nas necesidades da veciñanza.
Non se trata só de poñer fin aos abusos actuais, senón de construír un modelo xusto, transparente e responsable. É hora de retirar do medio ás empresas filibusteras e explotadoras e apostar por unha xestión pública directa que poña as persoas no centro.
Esiximos ao goberno de Alvariño que deixe de agocarse e asuma a súa responsabilidade, que actúe de inmediato para investigar e deter as prácticas denunciadas, que abandone a súa teima de privatizalo todos os servizos municiapais e que abra o camiño cara á remunicipalización do SAF.
MOVENEDA seguirá ao lado das traballadoras, defendendo os seus dereitos e loitando por uns servizos públicos dignos para toda a veciñanza.
loita obreita, comunicados de prensa, concello de Neda, servizos municipais
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |