Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico.

A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos.

Ao usar esta páxina web, vostede acepta os Termos Legais de Uso, a Política de Privacidade e de Cookies tal e como se describen neses documentos.

O concello para a veciñanza!

Moveneda Informa - Taxazo da Basura 2: SOGAMA vs NOSTIÁN, dous modelos de xestión de residuos e o impacto na taxa do lixo

Visitas: 415

Este é o segundo de tres artigos que MOVENEDA publica para informar e debater sobre as novas taxas da basura que van a aplicar todos concellos.

Para entender esta taxas é útil coñecer os dous modelos que existen hoxe en Galicia: o sistema centralizado de SOGAMA e os modelos comarcais de Nostián e Barbanza. Son dúas maneiras moi distintas de tratar o lixo que teñen consecuencias ambientais, económicas pero tamén na factura que pagamos.

Que é SOGAMA? Un modelo centralizado e baseado na incineración

SOGAMA é unha empresa pública da Xunta que xestiona os residuos da maior parte de Galicia. Todo o lixo viaxa a unha única planta en Cerceda, onde se separa unha pequena parte para reciclar e a maior parte quéimase mediante “valorización enerxética”.

Algúns datos recentes

  • En 2023: 59% do lixo foi incinerado.

  • 18% se reciclou.

  • A compostaxe é testemuñal (0,5%).

A incineración reduce volume e produce electricidade, pero tamén xera gases contaminantes e cinzas que deben ser tratadas como residuos perigosos. A tecnoloxía permite ter controladas as emisións de gases e CO2, pero segue a ser unha opción pouco acorde cos obxectivos europeos, que priorizan reducir, reutilizar e reciclar.

Principais críticas ao modelo SOGAMA

  • Dependencia da incineración, incompatible cos obxectivos de prevención e economía circular.

  • Baixa reciclaxe malia ser o modelo dominante en Galicia.

  • Custes altos e crecientes: o canon por tonelada é igual para todos os concellos, reciclen moito ou pouco.

  • Centralización extrema: milleiros de toneladas deben viaxar por estrada cada día.

  • Pouca marxe para alternativas locais: a estrutura económica e contractual anima a enviar máis lixo, non menos.

Que é o modelo Nostián? Unha xestión comarcal, descentralizada e orientada á reciclaxe

As plantas de Nostián (A Coruña) e Barbanza funcionan con outra filosofía: tratar o lixo preto de onde se produce, apostar pola separación en orixe e recuperar reciclando o máximo posible antes de eliminar nada.

En Nostián, por exemplo:

  • Preto do 18% recíclase.

  • Máis do 30% convértese en compost.

  • O transporte é moito menor.

  • O impacto ambiental é reducido porque non existe incineración.

Este sistema baséase nunha separación húmido-seco (orgánica por un lado, materiais reciclables polo outro), ademais da recollida selectiva de vidro e papel. Cando a cidadanía está concienciada e separa ben, os resultados melloran moito e se reduce notablemente a factura do lixo.

Vantaxes dos modelos comarcais

  • Menos transporte, menos emisións e menos camións circulando.

  • Máis reciclaxe e compostaxe, porque traballan con residuos máis limpos e mellor separados. Non incineran.

  • Crean emprego local e manteñen o investimento na comarca.

  • Permiten axustar mellor as taxas, premiando aos concellos que reciclan e separan correctamente.

Como afecta isto á taxa da basura?

A tarifa que paga cada concello depende en boa parte do sistema ao que está adherido.

  • SOGAMA aplica un canon único por tonelada, e este canon leva anos subindo. Non distingue se un concello separa ben ou mal: todos pagan o mesmo.

  • Nos modelos comarcais é máis doado premiar o esforzo de separar e reducir custos porque o lixo viaxa menos e, se chega ben separado, aproveítase e recíclase millor.

Isto significa que o modelo elixido influe directamente na factura que os veciños imos pagar de taxa de lixo e no que o Concello pode facer para tratar de reducir a factura global.

Conclusións finais. 

Aparte das consideracións ecolóxicas da incineración, SOGAMA o sistema centralizado resta autonomía aos concellos, obriga a aceptar prezos e condicións fixadas pola Xunta iguais para todos os concellos sen importar se reciclan moito ou pouco. Por riba a súa rendibilidade depende dos vaivéns do mercado eléctrico que lle compra a enerxía xerada. Ademais, require mover milleiros de toneladas de lixo por toda Galicia cada día, incrementando emisións e impactos. 

Galicia precisa avanzar cara un modelo de xestión de residuos máis acorde coa economía circular e cos obxectivos europeos. A aposta pola reciclaxe, a separación en orixe e o tratamento de proximidade resulta esencial para reducir emisións, evitar a incineración masiva e transformar os residuos en recursos.

A postura e a proposta de MOVENEDA

Desde MOVENEDA consideramos que:

  • O modelo SOGAMA non é sostible nin ambiental nin economicamente. Depende dunha gran incineradora, require contratos mínimos de toneladas e traslada custes crecientes aos concellos.

  • Ademais, fai que Galicia dependa dun único punto de tratamento, convertendo Cerceda nun territorio “sacrificado” que soporta o lixo de todo o país.

  • Os modelos comarcais como Nostián encaixan mellor cos principios europeos: evitar incineración, tratar preto da orixe, fomentar compostaxe e recuperación.

  • Estes sistemas reducen o transporte, xeran emprego local e permiten ás administracións adaptar o servizo ás necesidades reais.

Para MOVENEDA o futuro pasa por modelos comarcais, flexibles e máis ecolóxicos como o de NOSTIÁN ou BARBANZA.

Para MOVENEDA o Modelo NOSTIÁN representa un camiño máis ecolóxico, transparente e adaptado ao territorio, compatible coa prevención e a compostaxe local. Fronte a un sistema centralizado baseado na queima, o modelo comarcal xera menor impacto ambiental e induce a unha maior implicación cidadá. O futuro debe orientarse cara solucións sustentables e de proximidade.

Isto é todo, polo de agora...

Ata eiquí, a segunda entrega da nosa serie Moveneda Informa - Taxazo da Basura. Estade atentos, moi pronto a terceira entrega: 

Moveneda Informa - Taxazo da Basura 3: Qúe podemos facer? Qué propostas ten Moveneda para conter e mesmo baixar a factura da basura?

Podedes consultar a primeira entrega en:

Moveneda Informa - Taxazo da Basura 1: Que é o taxazo que van aplicar os concellos? Aféctanos en Neda?


Etiquetas:

ecoloxía e medio ambente, galicia, xunta de galicia, concello de Neda


Enlaces e artículos relacionados:


outras publicacións relacionadas

Moveneda

Movemento Veciñal de Neda - Moveneda
Moveneda é unha iniciativa política municipalista, popular, de base, de veciños comúns, aberta, participativa e asamblearia. O noso obxetivo e informar, concienciar e fomenta-la participación política de todos os veciños nas decisións do concello. Somos veciños comúns de Neda que presentamos unha alternativa “a medida para Neda”, cunha mirada realista e comprometida, pensada para afrontar e solucionar os problemas e para potenciar as vantaxes do municipio. Pensamos que en un concello como Neda pode funcionar millor un modelo onde prime a colaboración do Goberno do Concello, as Asociacions de Veciños e os propios veciños. Esta é a millor garantía dun proxecto autónomo, colectivo, á medida de Neda e as necesidades que temos como veciños.

Contacto

Termos de uso, privacidade e cookies
Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico. A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos. Ao usar esta páxina web, vostede acepta as Condicións de Uso, o Aviso legal de uso e a Política de Privacidade e cookies tal e como se describen neses documentos.