As persoas con discapacidade teñen unha boa nova no día de hoxe: grazas a unha senteza do Tribunal Supremo poderán aparcar en calquera municipio.
Unha muller recorreu ao Tribunal Supremo ao sentirse discriminada e iniciouse un proceso legal en setembro de 2024
O Tribunal Supremo obriga a que as persoas con discapacidade poidan ter reservada unha praza de aparcamento para os seus vehículos en calquera municipio, con independencia de que residan ou non nel. A sentenza crea xurisprudencia e rexeita a decisión do Concello de Irún de denegar praza de aparcamento á muller que non reside no municipio pero traballa en Irún. Considera que se trata dunha medida discriminatoria.
O caso remóntase a maio de 2023, cando a muller con discapacidade e mestra de profesión, solicitou ó Concello a reserva dunha praza de aparcamento xunto o seu lugar de traballo. O Consistorio de Irún nin sequera lle respondeu, e a muller levou a súa petición aos tribunais.
En outubro de 2023, un xulgado de Donostia rexeitou a reclamación alegando o cumprimento da ordenanza municipal de Irún, que esixía o empadroamento para ter unha praza no municipio. Posteriormente, o Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco avalou a decisión do xulgado de Donostia en sentenza emitida en marzo de 2024.
A afectada recorreu entón ó Tribunal Supremo argumentando discriminación, O alto tribunal recibiu un informe da Fiscalía que lle daba a razón á muller porque “resulta contrario ao artigo 14 da Constitución Española".
A Sentenza do Tribunal Supremo, do pasado 4 de xuño, baséase en varias leis, como a de Tráfico de 2001, a Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade de 2013 e o Real Decreto de 2014 que regula o uso das tarxetas de estacionamento para persoas con discapacidade. Neste último regulamento establécese que deben existir un número mínimo de prazas “independentemente das destinadas á residencia ou ós lugares de traballo”.
O Supremo sinala que o obxectivo é que as persoas con mobilidade reducida “poidan ter unha vida máis digna, de tal maneira que teñan un acceso fácil a cuestións sinxelas e cotiás como residir e traballar”. A sentenza valora que os titulares destas tarxetas de estacionamento terán “en todo o territorio nacional o dereito á reserva dunha praza de aparcamento, previa a oportuna solicitude á administración correspondente”.
O alto tribunal sinala que as competencias municipais se exercen dentro do termo municipal, “segundo recolle o artigo 12 da Lei de Bases de Réxime Local, pero non unicamente para os que están empadroados en Irún", senón tamén para as persoas con discapacidade e mobilidade reducida que teñen alí o seu posto de traballo, e que "non perden tal condición por residir nun municipio limítrofe”.
Por todo iso, conclúe que o Decreto de 2014 que regula o uso das tarxetas de estacionamento para persoas con discapacidade “resulta de aplicación tanto para os domiciliados na localidade onde se solicita a reserva de aparcamento como para aqueles que teñen alí o seu posto de traballo e proceden, como é o caso da recorrente, dunha localidade limítrofe”. En consecuencia, anula as dúas sentenzas do xulgado de Donostia e do Tribunal Superior vasco, polo que o Concello de Irún debe facilitar agora unha praza de aparcamento á afectada.
feminismo e igualdade, comunicados de prensa, concello de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |