
Movemento Veciñal Neda - MOVENEDA denunciamos a situación de precariedade, baixos salarios e explotación que sofren as mulleres traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no concello de Neda.
Esto é consecuencia directa das políticas de privatización, infrafinanciamento e deixación de funcións das administracións públicas: Concello de Neda, Deputación de A Coruña e Xunta de Galicia
O SAF é fundamental para garantir a dignidade e benestar dos nosos maiores e dependentes. Lamentablemente, este servizo público esencial sostense sobre a explotación das traballadoras —mulleres na súa inmensa maioría— que sofren condicións laborais precarias, baixos salarios e unha sobrecarga de traballo inaceptable.
Múltiples denuncias sinalan que a Xunta de Galicia mantén o SAF infrafinanciado de maneira crónica. Os prezos por hora establecidos nas licitacións son baixos e as empresas privadas, para poder amasar beneficios indecentes, pagan salarios miserables.
Grande parte da plantilla do SAF perciben salarios inferiores a 6 euros por hora. É unha cifra absolutamente indecente para un servizo que require responsabilidade, formación, esforzo físico e implicación emocional.
A concesionaria do SAF en Neda, a empresa Os Ventos, aparte de pagar un salarios miserables, tamén incumpre reiteradamente os seus deberes: paga as nóminas con atraso e abona conceptos como os desprazamentos entre domicilios tamén con meses de retraso.
O máis grave é que o goberno do Concello de Neda é coñecedor destas prácticas e non adopta ningunha medida efectiva para corrixilas.
Ángel Álvariño, é responsable político da situación de explotación laboral no SAF e do absoluto desprezo polas condicións laborais das traballadoras. É responsabilidade súa por apostar por un modelo privatizado que regala inxentes lucros á empresa concesionaria mentres empobrece ás traballadoras e prexudica ós usuarios.
UNHA LICITACIÓN IMPOSTA DE MANEIRA CACIQUIL E ANTIDEMOCRÁTICADende MOVENEDA denunciamos tamén que a próxima licitación do SAF que impulsa o goberno de Alvariño, non foi debatida e moito menos acordada en ningún momento coa oposición municipal, moito menos se abreu a participación da veciñanza.
Isto responde ó xeito caciquil e autoritario de gobernar: tómanse decisións estratéxicas de enorme impacto social e económico ás costas dos representantes da metade da veciñanza. A maioría absoluta non outorga nin autoridade moral nin lexitimidade política para hipotecar o futuro dun servizo público esencial contra a opinión dunha parte substancial da cidadanía.
Insistir cerrilmente na privatización de servizos é recoñecer a incapacidade política e persoal para xestionar con responsabilidade e eficacia os servizos públicos que son da súa competencia.
Fronte a este modelo fracasado e explotador, MOVENEDA defende a remunicipalización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), creando unha empresa municipal de coidados, con xestión e control público directo e que poña fin ó lucro indecente das empresas filibusteiras que fan negocio co benestar e saúde da veciñanza e a costa da explotación das traballadoras.
xunta de galicia, concello de Neda, Deputación de A Coruña, FEGAMP e outras institucións, Valedora do Pobo
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |