A principios da semana pasada, os veciños de #Anca en #Neda, e os veciños do concello próximo de San Sadurniño, fomos testemuñas da rápida instalación dunha torreta de medición do vento no monte da #Louseira, zona na que está en trámite a posible instalación dun xerador eólico dentro do #ParqueEólicoCaaveiro.
A meirande poboación de Anca manifestou e segue a manifestar de xeito reiterado a súa oposición a dito parque eólico, que se plasmou en un gran número de alegacións presentadas no 2021 no expediente aberto ao respecto.
Xa en xuño de 2021, dende o Movemento Veciñal Neda fixemos unha declaración pública de oposición frontal ao proxecto de instalación do parque eólico, polo impacto negativo que vai ter nas vidas de todos os veciños e veciñas a nivel medioambiental, social, cultural e económico. Pode ser consultado nas nosas redes sociais:
http://www.tinyurl.com/2p8byhcm
Esta semana, soubemos pola prensa, que o concello veciño de San Sadurniño, alarmado pola recente instalación da torreta, preguntou ao Concello de Neda ao respecto. Esta é unha mostra máis da falla de transparencia do alcalde Angel Alvariño e do seu grupo de goberno que, sendo conscientes da grande preocupación veciñal que hai respecto ao parque eólico, non teñen vontade de informar aos veciños sobre o tema e carecen da lixeireza que os caracteriza cando se trata de anunciar festas e outros actos lúdicos.
Esiximos ó alcalde e ó seu grupo de goberno a transparencia a que están obrigados. Deben informar puntualmente á oposición, e sobre todo ós veciños afectados, de todas e cada unha das actuacións que teñan relación directa ou indirecta coa instalación do citado parque eólico. Do contrario, o que debemos presupoñer é que o alcalde Angel Alvariño está de acordo co parque eólico e que oculta información importante ós veciños aproveitándose da súa posición privilexiada.
Dende #MOVENEDA chamamos os veciños a organizarse e apoiar a plataforma de afectados polo parque eólico. Do mesmo xeito, chamamos a todos os veciños a asistir a #MANIFESTACION convocada en A Coruña este vindeiro domingo día 25, as 12:00 con saída dende a Delegación do Goberno en Galicia.
En Neda, a 21 de setembro de 2022
ecoloxía e medio ambente, comunicados de prensa
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |