Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico.

A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos.

Ao usar esta páxina web, vostede acepta os Termos Legais de Uso, a Política de Privacidade e de Cookies tal e como se describen neses documentos.

O concello para a veciñanza!

Todo o que debes saber da caida da pasarela do Belelle e o alcalde non quere que saibas (Version curta)

Visitas: 253

27 meses. Máis de 800 días. Este é o tempo que pasou entre a noite do 20/21 de maio de 2024, cando a pasarela do Belelle se afundiu no río, e o 21 de agosto de 2026, cando Alvariño e Valentín se fixeron a foto asinando o convenio coa Deputación. 

Van xa dous anos e tres meses e a obra aínda non empezou: falta licitar, falta adxudicar, falta que unha empresa se poña a traballar.

A obra nova custará 199.959,07 €, dos que a Deputación da Coruña paga 159.967,26 € (o 80 %). Prazo de execución: seis semanas

Desde MOVENEDA queremos que a veciñanza teña claras tres cousas que ao goberno municipal lle interesa moito confundir. Imos explicar a novela da pasarela do Belelle en tres capítulos


1. A PASARELA NACEU MAL

Inaugurouse o 28 de marzo de 2015, con Ignacio Cabezón aínda de alcalde. As eleccións municipais foron o 24 de maio de 2015. Menos de dous meses despois. A data explica case todo: a obra non se fixo cando o pobo a necesitaba, senón cando lle conviña ao alcalde para cortar a cinta e levar a foto á campaña.

O prezo polas présas electorais pagaronse axiña. A estrutura era de madeira laminada e encolada de piñeiro, e os problemas fixéronse evidentes en poucos anos. Avisouse daquela e avisouse despois. Non se lle fixo caso a ninguén.

Primeira responsabilidade: o PP de Cabezón, que tramitou e executou unha infraestrutura ao ritmo do calendario electoral.

Pero isto non abonda para explicar o que pasou. Unha pasarela mal proxectada non ten por que caer aos nove anos. Cae se ninguén a coida.


2. DEZ ANOS SEN QUE NINGUEN LLE DERA UN BROCHAZO DE PROTECTOR

Entre 2015 e 2024 a pasarela estivo baixo a xestión municipal de Ángel Alvariño. A pregunta que calquera veciño lle debe facer ao alcalde é sinxela:

Que actuacións de mantemento preventivo se realizaron na pasarela entre 2015 e 2024?

Non hai constancia de ningunha. Nin tratamento fungicida periódico, nin substitución programada de pezas, nin selado de fendas, nin protección de testas, nin unha soa inspección estrutural documentada.

E isto é doado de probar: se houbo contratos, haberá facturas. Se houbo inspeccións, haberá informes. Se houbo tratamentos, haberá albarás. Abonda con sacalos e publicalos. Se non aparecen, é porque non existen.

BETANZOS DESMINTE A ALVARIÑO: A MADEIRA NON É "O PROBLEMA"

Nun pleno, o alcalde tivo a cara de dicir que a madeira "non é idónea para o clima galego". É falso. Betanzos ten pasarelas de madeira sobre o Mandeo desde 1992 e alí seguen, en uso. En 2025 o Concello de Betanzos renovou a pasarela do Pasatempo e actuou na ponte da Ribeira: substituíron pezas danadas, protexeron as vigas, aplicaron tratamento fungicida e selaron. Porque Betanzos ten un plan continuo de mantemento. Neda non.

  • Betanzos: detéctase pudrición → intervense antes de que falle → a pasarela segue en pé.
  • Neda: hai pudrición → non se intervén nunca → a pasarela cae unha noite.

Mesmo material, mesmo clima, mesmo tipo de estrutura. Resultado oposto, porque a decisión política foi oposta.

O que fallou en Neda non foi a madeira. Foi unha xestión neglixente durante dez anos. O PP construíu mal; o PSOE deixouna podrecer. As dúas cousas son certas e unha non desculpa a outra. Pero o defecto de orixe era corrixible; o abandono de dez anos, non.


3. 27 MESES: OS RETRASOS SON TODOS CULPA DO GOBERNO MUNICIPAL

O importante non son os trámites. Son os ocos entre trámites.

Data Que pasou Tempo de retraso
21 maio 2024 Alvariño anuncia que o Concello redactará "en breve" o novo proxecto Día seguinte da caída
Xullo 2025 Primeiro movemento para facer algo. Modificación de crédito de 383.200 € con cargo ao remanente propio: 23.000 € para facer o novo proxecto e dirección de obra, 40.000 € para o 20 % da execución 14 meses
Novembro 2025 Pleno extraordinario: modifícase o proxecto e solicítase a subvención á Deputación. A oposición recibe a documentación do novo proxecto media hora antes 18 meses
25 maio 2026 Outro suplemento de crédito (uns 60.000 €) para acreditar diante da Deputación o crédito propio 24 meses
21 agosto 2026 Foto electoralista asinando o convenio 27 meses

OS 27 MESES DE RETRASO, MOVENEDA CHOS EXPLICA

Entre o anuncio "en breve" do 21 de maio de 2024 e a partida orzamentaria de xullo de 2025 hai catorce meses de silencio administrativo. Non hai informe, non hai impedimento legal, non hai autorización pendente. Nada. Non fixeron NADA porque non lles deu a gana.

Pero os catorce meses si teñen un obxectivo que é facerlle olvidar a xente a causa da caída: a neglixencia dos gobernos de Alvariño durante dez anos. 

Se o alcalde quere desmentirnos e deixarnos no máis absoluto dos ridículos o ten doado: que publique o expediente completo e explique que fixo eses catorce meses, entre maio de 2024 e xullo de 2025.

Non hai ningunha excusa técnica, son as milongas de sempre. A redacción do proxecto dunha pasarela sobre estribos de formigón que xa existen é un encargo técnico menor: un contrato de servizos por baixo de 40.000 € adxudícase directamente, sen concurso e en días. Se non había partida, se crea por modificación de crédito, como se fixo en xullo de 2025... e se puido ter feito en xuño de 2024. O remanente xa existía.

NON FOI A XUNTA, NIN A BUROCRACIA, NIN O CLIMA, NIN PUTIN

O alcalde ten sempre a desfachatez de botarlle a culpa ós de fora, esta vez dixo que non tivo "apoio da Xunta". Que quede claro: neste expediente non hai un só trámite autonómico. Ningún dos 27 meses é imputable a Santiago nin ao Estado. 

É máis: o alcalde en algún momento pediu axuda a Xunta? Se o fixo, a solicitude estará no expediente. Que enseñe publicamente qué lles pediu e a resposta negativa, se a houbo, da Xunta. Non é capaz de ensinar nada porque ten nada.

O Plan Único é un procedemento de financiación que usan todos os concellos da provincia. Máis aínda: o convenio que firmou estes días demorou porque a Deputación esixiu en maio de 2026 que o Concello acreditase o crédito da súa parte. É dicir, o expediente estivo meses parado agardando por un papel que dependía só do propio Concello de Neda. Cando o alcalde presume de que o Plan Único permite aos concellos investir, parece que inventa a roda. Exacto: era diñeiro a disposición do Concello. Non houbo cartos antes porque non os pediron.

Polo tanto, os 27 meses de atrasos son enteiramente atribuíbles ao "ritmo nulo" que o goberno de Neda quixo darlle. A lei permitía repoñer a pasarela en poucos meses.


QUE ESIXE MOVENEDA?

  1. Publicación inmediata do anuncio de licitación, cun calendario público de datas comprometidas para cada fase.
  2. Publicación do rexistro completo de actuacións de conservación entre 2015 e 2024: contratos, facturas, informes. Se ese rexistro está baleiro, a excusa da caída "excepcional" cae por si soa.
  3. Explicación pública dos catorce meses entre o "en breve" e a dotación da partida.
  4. Acceso á documentación cos prazos legais de antelación, e non media hora antes do pleno.
  5. Un plan municipal de mantemento preventivo de infraestruturas, como o de Betanzos: inventario, periodicidade de revisións, partida orzamentaria estable, responsable identificado e informe anual ao pleno. Coa nova pasarela, a senda sobre pilotes e o paseo marítimo incluídos desde o día un.

O punto 5 é o único que pode impedir que esta historia se repita.

A ponte non é unha obra faraónica. Caeu porque se construíu con présa electoral e despois non se coidou durante dez anos. Leva 27 meses sen repoñerse porque o goberno municipal non tivo présa ningunha en poñerse a traballar. Mentres tanto, tres veráns —2024, 2025 e 2026— coa veciñanza e cos peregrinos do Camiño Inglés dando un rodeo para ir do paseo marítimo á vila.

O que hai que vixiar agora é canto tarda o Concello en publicar o anuncio de licitación. Se pasan tres meses, xa saberemos todo o que hai que saber: estan argallando para sacarse otra foto antes das eleccións.


Etiquetas:

moveneda, xunta de galicia, comunicados de prensa, concello de Neda, goberno de Neda, Deputación de A Coruña, FEGAMP e outras institucións


Enlaces e artículos relacionados:


outras publicacións relacionadas

Moveneda

Movemento Veciñal de Neda - Moveneda
Moveneda é unha iniciativa política municipalista, popular, de base, de veciños comúns, aberta, participativa e asamblearia. O noso obxetivo e informar, concienciar e fomenta-la participación política de todos os veciños nas decisións do concello. Somos veciños comúns de Neda que presentamos unha alternativa “a medida para Neda”, cunha mirada realista e comprometida, pensada para afrontar e solucionar os problemas e para potenciar as vantaxes do municipio. Pensamos que en un concello como Neda pode funcionar millor un modelo onde prime a colaboración do Goberno do Concello, as Asociacions de Veciños e os propios veciños. Esta é a millor garantía dun proxecto autónomo, colectivo, á medida de Neda e as necesidades que temos como veciños.

Contacto

Termos de uso, privacidade e cookies
Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico. A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos. Ao usar esta páxina web, vostede acepta as Condicións de Uso, o Aviso legal de uso e a Política de Privacidade e cookies tal e como se describen neses documentos.