Dende MOVENEDA queremos trasladar a nosa máis sincera felicitación ás nais e pais do alumnado afectado pola situación do 2º curso de Primaria do CEIP de Maciñeira.
A Inspección Educativa trasladou á concesión dunha nova praza docente para facer posible o desdobre da aula no próximo curso. Isto é unha excelente noticia e, sobre todo, unha vitoria das familias que decidiron organizarse, mobilizarse e defender con determinación os dereitos dos seus fillos e fillas.
Se a solución acaba confirmándose oficialmente, será grazas á presión exercida polas familias, ao apoio recibido por parte da comunidade educativa e á repercusión pública que acadou esta reivindicación plenamente xusta. Unha vez máis demóstrase que cando a cidadanía se organiza e fai oír a súa voz, as administracións vense obrigadas a rectificar.
Con todo, consideramos prematuro dar o asunto por pechado. Mentres non exista comunicación oficial por escrito que confirme definitivamente a concesión da praza, compartimos a postura da AMPA de manterse vixiantes ata que a decisión sexa firme e efectiva.
A experiencia acumulada coa Xunta de Galicia obríga a actuar sempre con prudencia: Ata que os compromisos non estean formalizados e garantidos, non cabe baixar a garda.
O CONCELLO, OPACIDADE E AUTORITARISMO
Por outra banda, queremos denunciar a actitude do goberno de Neda durante todo este proceso.
En primeiro lugar, o alcalde ignorou completamente a solicitude de MOVENEDA para convocar con carácter urxente a Xunta de Portavoces. Ese órgano é un dos indicados para consensuar unha resposta institucional unitaria en defensa da comunidade educativa. Nin se convocou a reunión nin sequera se obtivo resposta á petición realizada.
En segundo lugar, o alcalde tampouco informou aos grupos da oposición das xestións que afirma ter realizado ante a Consellería de Educación. Non trasladou información sobre os contactos mantidos nin se facilitou copia do escrito que di ter remitido á administración autonómica.
Esta forma de actuar evidencia un xeito de entender a institución da alcaldia baseada na opacidade e na falta de participación.
Por outra banda, resultanos sorprendente que no comunicado difundido polo Concello, este fale do “Consello Escolar”. Desde MOVENEDA aproveitamos para recordar que o Consello Escolar Municipal leva aproximadamente unha década sen constituírse nin convocarse, privando á comunidade educativa local dunha ferramenta fundamental de participación.
Hoxe é momento de felicitar ás familias pola súa loita e polo resultado acadado, pero tamén para reivindicar institucións máis transparentes, máis participativas.
MOVENEDA seguirá a defender unha educación pública de calidade para Neda e continuará esixindo tanto á Xunta de Galicia como ao goberno municipal a máxima transparencia e responsabilidade nos asuntos que afectan ao futuro dos nosos nenos e nenas
moveneda, loita obreita, cultura, xunta de galicia, comunicados de prensa, goberno de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |