Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico.
A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos.
Datos provisionais do INE sinalan o aumento da poboación en Neda, en liña coa tendencia da comarca
Written by MoveNeda on .
Visitas: 259
O último informe do Instituto Nacional de Estadística (INE) revela que varios concellos da bisbarra recuperan poboación en 2025.
En concreto, Neda experimenta un aumento de 43-50 persoas no último ano, segundo as distintas fontes, situando o seu padrón en 4.919 habitantes. O dato destaca porque racha coa tendencia decrecente de décadas anteriores: fora dun leve repunte en 2021, Neda non acadara crecemento estable ate o de agora.
Contexto comarcal: que está a ocorrer no arredor?
A meirande cidade da comarca -Ferrol- tamén gaña habitantes: suma 545 e acada 64.903 censados. Outro municipio que destaca é Narón, que escala ate as 39.890 persoas, sendo o concello que máis incrementou en valores absolutos.
En contraste, varios concellos máis pequenos e alonxados do núcleo da comarca perden poboación. Son nove os presentan cifras á baixa: Fene, Valdoviño, Cariño, As Somozas, Cabanas, Pontedeume, Ortigueira, A Capela, Mañón e San Sadurniño.
Que supón a recuperación de Neda?
Que Neda rache coa tendencia de despoboamento das últimas décadas é positivo. Isto pode tentar a algún "responsable político" a caer no triunfalismo burdo, pero estes datos non poden tomarse obxectivamente como "claro síntoma de revitalización".
Un crecemento moderado, pero con causas claras
O caso de Neda destaca pola súa singularidade. O seu recente aumento demográfico non responde a un boom urbanístico nin a unha forte entrada migratoria, senón a dinámicas máis discretas:
Retorno de veciñanza ao municipio e empadroamento de persoas que xa residían nel.
Prezos de compra e aluguer elevados pero aínda inferiores aos de Ferrol e Narón, polo que Neda se presenta como unha alternativa asumible para familias e persoas mozas.
Cercanía física e boas comunicacións co núcleo comarcal Narón–Ferrol, que permiten residir en Neda mantendo acceso rápido a servizos, emprego e equipamentos.
A dualidade de Neda: urbano denso e rural extenso
Neda presenta unha estrutura territorial marcada por unha dualidade evidente:
Un núcleo urbano compacto pero con escaso crecemento en vivenda nova e un notable peso da vivenda antiga, o que condiciona a súa capacidade de atraer nova poboación.
Unha ampla área rural, que comparte características cos municipios que seguen perdendo habitantes, pero que se mantén máis estable grazas á proximidade aos centros urbanos da comarca.
Esta combinación explica que, malia o leve repunte, non poidan interpretarse os datos como un “síntoma claro de revitalización”, senón como un equilibrio demográfico fráxil e dependente de factores externos.
Tres propostas de accións públicas para favorecer o asentamento de poboación
Co obxectivo de consolidar esta tendencia positiva e garantir un crecemento sostible, dende MOVENEDA levamos anos propoñendo (sen exito) que o goberno do Concello actúe en varias liñas:
Plan integral de rehabilitación e vivenda no núcleo urbano, con axudas específicas para rehabilitar vivenda antiga e mellorar a eficiencia enerxética. Incentivos fiscais para propietarios que poñan no mercado alugueiros a prezos accesibles, que facilite a recuperación de edificios ou solares degradados para uso residencial.
Mellora dos servizos e da conectividade nas zonas rurais, ampliando e reforzando o transporte público intermunicipal cara Narón e Ferrol. Investimentos en fibra óptica, mobilidade e servizos básicos para fixar poboación nova e teletraballadores. Programas de apoio ao comercio e á actividade económica nas parroquias.
Programas específicos de atracción de familias e mocidade, con bonificacións para familias que se empadroen e matriculen crianzas nos colexios do municipio. Fomento de solo dispoñible para vivenda unifamiliar a prezos razoables. Promoción do municipio como espazo equilibrado entre calidade de vida, natureza e proximidade urbana.
Lamentablemente os distintos gobernos nas tres últimas lexislaturas se negaron a adoptar medidas firmes e claras neste sentido, que se quedan só nunha "campaña publicitaria" e mesmo adoptraron medidas lesivas para atraer poboación:
o Plano Xeral de Ordenación Municipal PXOM segue encallado e sen visos de avanzar
cambio na bonificación do IBI para a instalación de enerxías alternativas (ver eiquí)
negativa a incrementar partidas sociais como a destinada ós servizos de comedores nos colexios
negativa a recalcular o IPREM, que serve de base para que os veciños poidan ter acceso a moitas axudas
negativa a extender as zonas de ARI (áreas de rehabilitación integral financiadas pola Xunta)
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Moveneda é unha iniciativa política municipalista, popular, de base, de veciños comúns, aberta, participativa e asamblearia. O noso obxetivo e informar, concienciar e fomenta-la participación política de todos os veciños nas decisións do concello. Somos veciños comúns de Neda que presentamos unha alternativa “a medida para Neda”, cunha mirada realista e comprometida, pensada para afrontar e solucionar os problemas e para potenciar as vantaxes do municipio. Pensamos que en un concello como Neda pode funcionar millor un modelo onde prime a colaboración do Goberno do Concello, as Asociacions de Veciños e os propios veciños. Esta é a millor garantía dun proxecto autónomo, colectivo, á medida de Neda e as necesidades que temos como veciños.
Termos de uso, privacidade e cookies Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico. A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos. Ao usar esta páxina web, vostede acepta as Condicións de Uso, o Aviso legal de uso e a Política de Privacidade e cookies tal e como se describen neses documentos.