Desde MOVENEDA queremos denunciar a situación absolutamente lamentable do servizo de alumeado público en Neda, que lonxe de mellorar segue a empeorar co paso do tempo e a indolencia do goberno municipal.
Hai xa varias semanas que advertimos desta problemática, facéndonos eco das reiteradas protestas de veciñas e veciños de diversas zonas do municipio, especialmente do rural, onde os continuos fallos no alumeado público están a converter a vida diaria nunha situación de inseguridade constante.
Tras estas denuncias, a resposta recibida por parte do responsable do goberno municipal foi tan sorprendente como inaceptable. O concelleiro de Servizos, Ángel García Cordero, chegou a afirmar literalmente:
“No se puede hacer nada, hay cortes en todos lados, es algo que no se puede controlar, hay que acostumbrarse”.
Esta delirante resposta do concelleiro responsable do servizo non só amosa unha total falta de responsabilidade, senón tamén un desprezo absoluto polos problemas reais da veciñanza, á que se lle pide pouco menos que se resigne a vivir ás escuras.
Lamentablemente, hoxe mesmo puidemos comprobar que as deficiencias continúan, como demostran as fotografías tomadas nas zonas da Chisqueira e da Picota, en Anca, onde os cortes e a falta de iluminación seguen a ser a norma.
Desde o MOVENEDA esiximos explicacións inmediatas, solucións reais e un compromiso serio por parte do Concello para garantir un servizo básico como é o alumeado público. A seguridade das persoas, especialmente no rural, non pode quedar ao arbitrio da deixadez nin da incompetencia política.
A veciñanza de Neda non ten que “acostumarse” a un servizo deficiente: ten dereito e merece un concello que cumpra coas súas obrigas.
comunicados de prensa, goberno de Neda, servizos municipais
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |